viernes, 12 de junio de 2009

Berberecho

Todos temos un pasado, meus friends. Berto Yáñez avisoume hai unhas semanas de que penduraron de Flocos.tv a curta Berberecho, que gravamos en primeiro de Xornalismo, no 2001.

Qué recordos...

jueves, 4 de junio de 2009

Últimos dez días

Ao final a semana última de maio si que me tocou ir a Barcelona, un día duro de reunións que rematou nun ensaio de baile en Vigo. Nunca pensei que o avión podía aparvar tanto o sentido do equilibrio. Tremendo...

O mércores foi o último ensaio de pande con Guille do curso, pois este ponse a fondo coas oposicións (sorte!!). Sacamos algunhas fotos simpáticas e tal. O xoves tamén pechamos curso de percusión con Alberto (Grazas a iso estou este xoves renovando, jejeje).

O venres tiven cea coas miñas alumnas de pande de Beluso (e tamén alumnas de baile alá no Progreso). Moita festiña e bo ambiente. Así que, ao saír de alí ás 3 e ter que espertar ás 9... pasei de ir á foliada do Salasón.

Ao día seguinte, ensaios mil e actuación na Salgueira, en Vigo, cunha calor tremenda.

Domingo, a Vila Praia de Áncora con Retrouso e despois ata Matozinhos cos de Valadares. Ademais da calor abafante, ao volver estropeouse o aire acondicionado, :'(, e case morremos. Pero non estivo mal.

Agora, preparando esta fin de semana, que vai ser de cea festeira cos do traballo, sábado de volta a Portugal, preto de Oporto e domingo a tocar no Corpus de Cela...

A ver se atopo un oco para ir poñendo chulo isto, que me dá nonseiqué miralo así...

lunes, 1 de junio de 2009

Lingua (I)

Sobre ferramentas de ir ao monte:

Sinónimo de fouciño: lampo.
Podón do monte: é un fouciño grande.
Poda: é un fouciño máis pequeno, todo de ferro, sen mango de madeira, con folla máis ancha para cortar ramas.

Tripeza: os carballos pequenos que nacen dun ano para outro e que se cortan cando se limpa o monte.
Chaspodar: cortar as ramas das árbores, normalmente cando estes xa están cortados.

Comareiro: os muros entre tonadas; lindes.

domingo, 24 de mayo de 2009

Resumo semanal

Credes que lograrei mantervos ao día do que faga, aínda que sexa moi por enriba?

Esta semana andei por Madrid, xoves e venres.

O sábado fun a bailar a Vilagarcía para botar un cabo ao grupo Ledicias, de Valadares, que participaba no concurso Malveiras. Foi a miña primeira experiencia nun destes concursos. En xeral, interesante. Moito estrés e cansancio posterior. A mágoa foi que a penas puiden ver os outros grupos, por iso de estar entre bambalinas. Gañaron Colexiata de Sar, o grupo de Hospitalet, Ponte Vella e Donaire. A Colexiata, primeiros; Hospitalet, segundos. Iso fixo. Dos outros dous sei que un era premio do público.

E hoxe fun ata sanamedio que se estreaban as miñas alumnas de Beluso como pandeireteiras na súa terra. Un día algo achuviscado, pero todo foi ben.

[Editado 05/06/09: Antes de cantarmos, actuou o marabilloso grupo Lembranzas da Ría, :D, co seu namorador e sempre engaiolador beillador Meche, aissssss... jejeje. Que o fixeron moi ben, ían de a cotío, o cal cadraba moi ben co contorno, e beillaron ben, a pesar do terreo e do tempo.]

Para a semana... Dáme que aínda toca outra viaxe. Desta vez a Barcelona, o martes.

domingo, 17 de mayo de 2009

Sen tempo

Xa mirades que tampouco é que lle dea moita vidilla a este blog. É que ando sen tempo, a mil. E non, non vos creades, non é por Retrouso, que tamén, pero onde Lore está currando como unha campiona; senón polo traballo, que me ten absorbido.

A semana pasada andei por Madrid e Barcelona, por dúas cousas distintas, ambas moi interesantes, pero tamén moi estresantes. Despois fun a Asturies ao Alcuentru de Pandereta gallega ye Asturiana e moi ben, pero estaba mortiño.

Claro, esta semana, despois da movida da anterior, estaba baldado e se sumamos a iso que tiña mogollón de curro acumulado esperando... Pois non tiven moito oco.

Hoxe ía ir a Sanamedio, a Romaría das letras galegas, pero comunicáronme que se anulaba polo mal tempo. En principio, queda para o domingo que vén, o 24. Ían estrearse "de xeito oficial" as miñas alumnas de pandeireta de Beluso. Así temos outro ensaio de por medio, jejeje.

Polo demais, que contarvos? Os meus "tendóns" van mellor, pero sigo enriba do tema, indo ao recuperador e tal. Bastante farto, para que negalo. Iso de ter que adicar o pouco tempo libre que teño para ir ata Domaio empeza a machacarme a existencia, pero é o que hai. Cando menos, xa vou facendo vida normal e, salvo ralladuras puntuais (cotiás pero puntuais), bailo con normalidade e vou recuperando sensacións, mesmo no equilibrio que cando empecei a ensaiar de volta sentira "modificado".

Meu pai está na casa, miña nai a punto de volver a traballar despois dunha pequena operación pola que se pasou unhas vacacións xigantescas... Miña irmá, pensando en vir para Galicia. Lorena facendo o seu proxecto, Débora dándonos supersorpresas... ;)

Ah, estou constipado, o que non axuda moito ao benestar xeral, claro.

Ultimamente, o pouco que actualizo, acaba caíndo máis ben no Twitter (pois é moi sinxelo e fágoo nun pincho desde o móbil do traballo) ou no Facebook.

E vós, qué tal? Como vos vai a vida?

martes, 7 de abril de 2009

Fuxindo da Blogoteca: novo O Ghaiteiro de Lapamán

Levaba meses e meses querendo deixar atrás a miña fase Blogoteca. Pero non o daba feito. Por unha parte o sentimentalismo de ter sido o meu primeiro blog medio en serio, pola outra o cabreo de que non exista un sistema de exportación dos contidos desde a Blogoteca a outros sistemas e, sobre todo, a falta de tempo, fórono atrasando.

Pero aquí estou. O ghaiteiro de Lapamán inicia unha longa mudanza cara a Blogger.

Por que?

  • Porque canto máis vou sabendo, máis encorsetado e atado me sinto na Blogoteca.
  • Porque non permite máis dunha foto, salvo que un se meta en trucos.
  • Porque non é nada Google friendly.
  • Porque non é compatible con case ningunha das novas ferramentas que van saíndo: Twitter, Facebook, case calquera html que queiras meter a maiores...
  • Porque a Blogoteca quedou estancada e en Internet estancarse é morrer.

Que vou facer neste?

  • Pois seguirei usando este blog como usaba o da Blogoteca, para asuntos máis persoais (para os profesionais xa abrín outro), as cousas de a cotío, as afeccións, os arrebatos líricos e lingüísticos...
  • Se cadra vou mudando aos poucos algúns contidos desde a Blogoteca. Por iso falo de longa mudanza, porque tal e como ando de tempo... hei tardar.
  • É posible que poña un apartado sobre a praia de Lapamán. Que demos! Hai moita xente que busca esa información e os pobres chegaban ao meu blog e acabarán chegando aquí. Qué menos ca darlle esa información que, ademais, teño tan de man. A gasolineira rouboume o dominio, a ver se aínda así, logro pasarlle por riba no Google.
  • E, polo demais, deixarme levar polo momento, que por algo este é o persoal.

Ah, antes de que empecedes a metervos coa plantilla cutre que escollín, take it easy, penso cambiala. ¡Acéptanse ideas!