domingo, 20 de mayo de 2012

Pregón das Letras Galegas en Sanamedio 2012

Para o 17 de maio, a Asociación de Veciños O Progreso de Beluso convidoume a ser o pregoeiro da romaría que fan cada ano polas Letras Galegas. Toda unha honra!

Pégovos aquí o borrador do pregón que despois "máis ou menos" dixen aquel día, dedicado a Valentín Paz Andrade:


Quero empezar este mini pregón dicindo que creo sinceramente non merecer en absoluto estar aquí arriba. Síntome moi agradecido polo convite e sobre todo moi responsabilizado. A romaría de Sanamedio leva 15 anos de historia e eu debín estar por aquí, pero aí embaixo, en 12 ou así. Está marcado no calendario como desas citas anuais “de sempre”, e polo pregón pasa habitualmente xnete de letras, que escribe, que publica…
Eu, para os que non me coñecedes, veño do mundo de Internet. Estudei Xornalismo, pero as palabras que escribo non gastan tinta nin papel. Navego nun mundo de inmediatez e de estrema facilidade para publicar. Pero farase o que se poida...
O día de hoxe, ademais dun día estupendo para comer de campo, homenaxéase a Valentín Paz Andrade, un home, para que negalo, pouco coñecido, pouco brillante. Non é unha Rosalía de Castro, que ten ata cancions; nin un Castelao, que tiña debuxos. Nin un Martín Codax, que polo menos sona polo viño...

Paz Andrade se houbese que definilo con tres palabras, serían, para min: galeguismo, xornalismo e mar.

GaleguismoNaceu a finais do XIX en Pontevedra, de familia acomodada. Un tío poeta meteulle o aquel polas letras e ademais, con 18 anos presentoulle a Castelao. Estudou Dereito en Compostela e foi activista galeguista desde os puros comezos das asembleas nacionalistas e de todo o que se cocía naquel momento na capital, moi ao estilo 15M… e aí temos o cerne do Galeguismo.

XornalismoO xornalismo vén como consecuencia. Empezou a colaborar en xornais. Ata que montou un: o xornal Galicia, unha absoluta referencia na historia do Xornalismo galego, que existiu do 22 ao 26, ata que o pechou Primo de Rivera. Digamos que Paz Andrade estaba en afeito a ir á cadea.
Durante a II República combinou as facetas galeguista e xornalística, moi ao estilo do noso símbolo histórico, Johan Carballeira. Participou, como hito destacable, na redacción do anteproxecto do estatuto galego.
Cando chegou a Guerra Civil, como era abogado, e ben reputado, axudou a fuxir a varios galeguistas. Mesmo intercedeu, sen éxito, para evitar a morte de Alexandre Bóveda. Fórono mandando a pequenos desterros: a Verín, a Estremadura…
Cando todo pasou, nos anos 40, volveu a Vigo e sigueu axitando as mentes con artigos e tertulias. Pero empezou a brillar o seu terceiro componente: o mar.

MarRealmente era un tema que dominaba desde os anos 20, onde tamén fundara a revista Industrias Pesqueras. Recuperou a dirección nos anos 40 e no tema da pesca converteuse nun ensaísta, avogado e experto de sona internacional. Foi colaborador coa ONU para combater a fame no mundo. E a el acudiron os fundadores de Pescanova para orientar o proxecto e converter a marca nunha empresa líder do sector.
Foi un triángulo equilibrado. Nunca abandonou ningunha das súas tres paixóns: mar, xornalismo e galeguismo.
Libros? Si, ten algún de poesía. Foi relevante “Sementeira do vento” do 1968. Pero sobre todo escribía artigos e ensaios, moito sobre Castelao, Galicia e pesca.
En conclusión, a quen homenaxeamos hoxe? Á empanada e ó pulpo?? Si!! e tamén a un veciño de Lérez que nunca perdeu o norte do amor polo seu e nunca deixou de traballar para, dun xeito ou doutro, facer evolucionar a Galicia para un futuro mellor. 

viernes, 6 de enero de 2012

Erro: Clave ou Internet Explorer??

Hai dúas explicacións para que chegases a este post:

1. Equivocácheste de clave
Se é así, volve a consultala na contraportada da invitación. É ben sinxela ;).
Se non tes invitación... é que xa non debías nin saber que existe a web ;)

2. Navegas con Internet Explorer
Qué vergoña!!! Se é o peor navegador do mundo mundial. Todo o que funciona ben nos navegadores decentes, da erro en Explorer. E entre outras moitas cousas, así acontece co control por contrasinal que puxen no blog. En resumo, para acceder, ademais da clave, necesitarás entrar cun navegador decente. Xa verás, vasmo agradecer!

Por orde de recomendación:
Google Chrome: Descárgao aquí.
Mozilla Firefox: Descárgao aquí.
Safari: Descárgao aquí.

sábado, 7 de mayo de 2011

Trepia, experiencia de infinitum



Cheghei tarde, uns dez minutos. Fun case a correr desde o barco. Todo un símbolo nesta xeira de desconexión folkie que me toca vivir, qué demos, que escollín, máis que me pese ás veces.

Cheghei e soaba Sabarigho, xota de, unha das poucas contribucións a este mundiño na que estiven implicado, froito daquela ben lembrada recolleita a Consuelo de Pardiñas. Ando reflexivo. E, tamén é certo, o espectáculo de Trepia fíxome pensar. Xa se sabe, vai por épocas, :).

Nesa peza, os homes beillaban con saia e aderezos femininos. As mulleres coa que viría sendo a roupa interior do traxe tradi, cun corsé no tren superior e un broche moi chulo no peito. E moi ghuapas e peiteadas. Despois, os homes pasaron a un modelo de pantalón, con zapatillas rasas e moi cómodas. As mulleres descalzas. (Se sodes amigos de Projecto Trepia no Facebook, teñen máis fotos)

O proxecto De infinutum deu un salto ben identificable no vestiario. Noraboa. Tamén no volume de persoas implicadas. Cayetano acompañando coa zanfona a Xandre (por certo, como mellorou Xandre na zanfona), Miguel coas percusións miúdas, Xito coa percusión. Espectacular o aporte de Xito, con ampla riqueza de sons sacados de instrumentos habituais como bombo ou latón. Está chegando a unha xenial madurez creativa nese aspecto e a súa participación encantoume.

Medrou en músicos, co éxito completo de lograr ser máis sen faltarlle ao espírito do proxecto que, ao meu entender, e espero non ofender, ten moito de persoal de Xandre. É como a súa cosmovisión, a xandrevisión. Está claro que é un proxecto colaborativo no que todos ou case han dar ideas, pero, cando menos eu, vexo moito da súa creatividade.

Fíxome lembrar os momentos compartidos e o aquel de "eu podería ter estado aí". Aquel tempo no que Álex se converteu en Xandre, e eu, en Retrouso. No que eu me mantiven nunha vida formal, acabar carreira e buscar o mundo laboral "estándar", apostar por aportar o meu gran de area na formación no eido cultural e moi local, con Retrouso. Mentres el rompía coa carreira e seguía a liña da arte, a súa vida de estremos, a súa aposta pola creación.

Durante o espectáculo, sentía o arrastre daquel primeiro concerto de Mercedes Peón na Radio Galega e o histrionismo funkie de Isué, a cosmovisión da Terra de Montes, de Cerdediño prós amores, o son do Tear, o paso polo Fiadeiro, e o encontro co Mac, a zanfona e a videocreación.

Se hai algo que distingue a Trepia non é a innovación no baile, nin tan sequera o uso dos efectos co ordenador. Está na importancia do vídeo. Trepia é baile, música e vídeo. Esas son as tres patas da trepia. O vídeo non acompaña, o vídeo transmite tanto e ás veces máis que o resto. O vídeo posiciona no subconsciente o sentir da zanfona, a intención das melodías. Qué crack, o creador dos vídeos. A ese había que atalo, para obrigalo a saudar ao final, pois sen él, a trepia caería ao chan. Sería outra cousa.

Un espectáculo que paga realmente a pena.

Como curiosidades:

Sei que é duro, espero que non moleste, pero creo que quedaría mellor se Pedro cortase o pelo para esta posta en escena. Non casa o pelo tan longo, tapándolle os ollos. Contrasta moito fronte á coidadísima imaxe do peiteado das mulleres, á "pureza", ao estilizado, ao neutro dos cortes de pelo de Xandre e Meche. É desas cousas que en teatro ás veces hai que afrontar. Lembro que eu en 4º de carreira deixei pelo longo e perilla para facer de duende nunha obra de teatro. E así quedei na foto da orla da carreira. Pero é o que toca. Esixencias do guión ;).

Gustoume o detalle do xogo co vídeo que saca punto e un beillador sae e beilla co vídeo. Pareceume cara aposta por entender que o vídeo é un compoñente máis.

E a vós, se hai alguén do outro lado, qué vos pareceu?

PD: Miña nai, máis dun ano sen escribir neste blog. Estaba traumatisado co do meu cochiño... Non, é que ando centrado no profesional, :(.

miércoles, 13 de enero de 2010

O meu cochiño da letra grega


Eran sobre as 8.30h. Con tempo. Recta de Agrelo. Tanta curva en Galicia, e tiña que ser nunha recta. , por sorte. Parou o Cerqueiro dalgunha das escolas de Bueu. Un coche, outro, outro e o meu cochiño da letra grega. Ía, coma sempre, escoitando a radio. Era de noite e chovía. A miña faltriqueira mal fechada; un billete de 10€, unha caixa de palletas que deixou o ghaiteiro de Cela nas Navidades, un cedé e algunha trapallada máis baixo a radio. O cambio de marchas gastado. O libro, de copiloto. Cinto de seguridade, por suposto.

No espello retrovisor miro unhas luces. Non frea. Estámpase contra o meu cochiño da letra grega. Tenso os cenmildouscentoscorentaetres músculos do corpo enriba do freo. Aínda así, doulle ao de diante, nin idea de qué coche era, qué cor. O asento deu de si e cando volvo de non impactar contra o volante, de tampouco sentir o airbag, non teño onde apoiar as costas. Os pés están tremendo enriba do freo e do embrague, cando xa non vale a pena. Todos os pilotiños imaxinables están prendidos no cadro, mesmo a marcha atrás, aínda que estaba en primeira. Punto morto. Segue a marcha atrás. Solto os pedais. Cala o meu cochiño da letra grega. Se cadra, por sempre.

Trato de saír. A porta atrancada. O impacto fixo un efecto acordeón. Currión, dicíalle a avoa de Rita. O motor de arranque está flipado. Retirado uns centímetros da súa posición natural. A chave daba cantas voltas quixera. Francino seguía ao seu tema. Baixei a fiestra. Movinme cara á dereita. A outra porta tampouco abría. Mal rollo. Baixei tamén esa fiestra. Pasa un señor maior.

Vaia, o pai de Alejandro. Dá ghusto estar en confiansa. Saúdoo, educadamente. El, co seu paraugas. Achégase outro home. Anda, sóame, pero non lembro de qué. De Bueu, fixo. Ábreme a porta desde fóra. Un detalle. Trata de empurrar o meu cochiño da letra grega á beirarrúa. Ninpadiós. Trato de arrancarlo, Carlos, por Dios. Ninpadios. Mentres eu saio, el axúdalle ao pai de Alejandro, en adiante señor Coche A, a arrimar a furgalla branca matrícula A+algho á beirarrúa. Esa si que se move. Só semellaba haber un defunto esa mañá en Agrelo, e era o meu cochiño da letra grega.

O señor Coche A tiña que facer unha análise no Centro de Saúde. Non mirou nada. Non me estraña. O da óptica, claro, o outro condutor era o da óptica, tiña que levar os nenos á escola. Tiña nenos, menudo susto. Todos ben. O único ensangüichado era o meu cochiño da letra grega. Vanse para volver, tras colocar un triángulo do da óptica, en adiante señor Coche C. Os meus triángulos estaban no meu maleteiro deformado, reducido ao máximo común divisor do número primo que xa era antes. Ou era número curmán? Nin de coña abría, o maleteiro, a baca escuchimizada.

Cristais na estrada e o meu cochiño da letra grega no medio e medio do carril. Hora punta e os coches facendo quendas para pasar. Nin de coña moviamos o meu cochiño da letra grega. Veñen familiares do señor Coche A, volve o señor Coche C e mentres, pelexo cos papeis do seguro para atopar o número da grúa. Pelexo coa puta máquina automáquina que converte nun crebacabezas o pedir unha grúa. Chegará en media hora. Grúas Carmen. Qué gran nome.

O señor C chamou a Policía Municipal, por se se dignaban a dirixir o tráfico mentres ou tal. Pero andaban liados coas entradas nos centros escolares e non tiñan persoal dispoñible. Que mandaban á Garda Civil de Tráfico, que había chegar en media hora ou unha hora. En fin.

A todo isto, chovían cans e ghatos. Algúns rabuñáronme. Fechei as fiestras do meu cochiño da letra grega. A paso de tartaruga. As fiestras, que eu andaba todo fresco. Un familiar do señor A levouno a facer a súa análise. Antes, quedamos para a tarde para cubrir o parte amistoso. Faltaría máis. O único que non terá máis amigos... será o meu cochiño da letra grega.

Azul marino. BP. Do 99. Nas nosas mans desde o 2001. O olliño dereito de miña nai. Tapizado en coiro e escollido por ela. Pequechiño pero resultón, fiable. Muita vida , muito trote levou. Aínda máis lle quedaba.

Chegou Grúas Carmen. Típica cara de esto-va-a-ser-la-junta-de-la-trócola, uséase, que estaba por convidarme a levalo directamente ao desguace. No entanto, mentres se confirman os nosos peores augurios, o meu cochiño da letra grega espera na UCI en Castiñeiras.

Os encantadores familiares do señor Coche A achegáronme a Cangas para coller o barco. Avisei á miña nai das funestas novas sobre o meu cochiño da letra grega. O xemelgo dereito empezaba a tocar a corneta. No traballo, deu todo un concerto. Convertinme un pouco en House, pero con lixeiros problemas para xirar a cabeza.

Volvín ao Morraço ás 15h. Paseo polo taller para a consulta co doutor do meu cochiño da letra grega. Máis malos, mesmo peores, augurios. A ojo-de-buen-cubero... 6.000 euros mínimo por poñelo na estrada de novo. A falta da visita do perito, claro.

Paso polo médico. Típico médico borde-a-la-par-que-incompetente de Bueu que me convida con fermoso acento cubano a ir directo ao Hospital Domínguez porque tal e cal. Aténdeme con desgana e conclúe que son lixeiras contusións cervicais e no xemelgo. Unha cremiña, un neobrufen e pacasa. Parte amistoso resolto amistosamente. Paseo por Mapfre.

Consello do señor Mapfre: Vai buscando coche.



Así foi o triste final do meu cochiño da letra grega.

lunes, 28 de septiembre de 2009

Escolas Retrouso 2009/2010

Retrouso logra manter para o 2009/2010 a súa numerosa oferta de actividades, centradas na música tradicional, pero que abarcan tamén a formación en linguaxe musical e coral.

Os cambios máis salientables esta tempada son a incorporación de Rubén Bastón como responsable da área de iniciación de baile tradicional para nenas e nenos. Tania García Ruibal encargarase da iniciación de canto e pandeireta. Tamén, de xuntarse un número mínimo de alumnos, María Casaleiro estrearase como profesora de iniciación ao baile tradicional para adultos.

O plantel de profesores de Retrouso complétase co gaiteiro do Hío Cristóbal Prieto, como mestre de gaita; o tamborileiro vigués Alberto Costas, que é o responsable de percusión; Guillerme Ignacio, como docente de canto e pandeireta; a veciña de Beluso Teresa Pedrouso continúa a dar as clases de acordeón e solfa (linguaxe musical), Margarita Pérez e Débora Pena son as responsables das áreas de perfeccionamento de baile; e Carme Pereira continúa como directora do Coro de Cela.

Os horarios repártense de luns a sábado, con horarios máis temperáns para as actividades infantís (entre as 16 e as 19h) e máis adaptados ao horario laboral para as de adultos (a partir das 20h):

Luns: Coro ás 21h
Martes: Iniciación infantil de baile, iniciación adultos de canto, acordeón adultos.
Mércores: Acordeón nenos, solfa, iniciación adultos de baile, perfeccionamento adultos de baile
Xoves: percusión ás 20h
Venres: perfeccionamento infantil de baile, iniciación e perfeccionamento infantil de canto, perfeccionamento adultos de canto
Sábado: gaita, perfeccionamento adultos de baile.

As actividades arrincan no mes de outubro.

Para apuntarse, os interesados poden achegarse ás clases, contactar con calquera membro da Asociación, ou chamar aos teléfonos 686 440 108 (Rubén) ou 647 607 467 (Débora).

martes, 15 de septiembre de 2009

Danza e Contradanza de Darbo 2009

O martes 8 de setembro beillei por vez primeira na vida a Danza e Contradanza de Darbo, en Cangas. Convidoume Sandro. Non debería, porque ando a mil e tal, pero picábame a curiosidade, unha cousa leva á outra... e ao final apunteime.

Velaquí o froito do traballo. A cámara é María, que tivo un problema técnico pola mañá e empezou un chisco máis tarde do debido, por iso, metín un cacho da tarde. Pero, a partir do minuto 2 (ou menos) todo é xa da mañá, que é o máis tradicional e vistoso.



Esta é a parte 2, que non colle todo nun video só...

sábado, 22 de agosto de 2009

Un mes máis tarde


Dicir que vou a mil sería repetirme. Estiven unha semana e pico de vacacións, durante as cales fun a Huesca co grupo e... andei liado, en xeral. Por sorte, houbo algo de praia e a gratificante sensación de poder atreverme a xogar ao futbol, aínda que a planta dos pés sufrise a falta de costume. Cando menos, o tema dos tendóns semella empezar a estar baixo control (pero non vale relaxarse...).

Hoxe tiven ensaio de pande coas peques, preparando un festival que imos celebrar o domingo 30, Festival no Eirado, onde tocarán dúas ou tres pezas. Agora escaparei un chisco á praia, antes do superconcerto da noite, en Vilariño, cos Carunchos, Berrogüetto, Quempallou e Ruxe Ruxe.

Onte fun ao meu primeiro ensaio para participar na tradicional Danza de Darbo (Cangas), que se baila o 8 de setembro. Por alá andan Sandro, Meche, Xian... O máis complicado vai ser agantar os brazos, pois é unha peza lenta e longa...

Tamén fun a ver o espectáculo pirotécnico das Festas de Loira, moi chulos, onde tamén toquei á mañá. Pasou Ermelo, festas atrnais de Beluso, andei con Lore por Portonovo, concerto de Vestusta Morla en Pontevedra, foliada na banda do Río, na Batea; de recollida de filharmónica con Guillerme... Moitas cousas pasaron e non as fun contando.

Moito ensaio, moita necesidade de ensaio e pouco tempo para executalo... Moita ansia de algo de tempo libre e, por outra banda, xa rallándome aos poucos cos preparativos do curso que vén...