sábado, 22 de agosto de 2009

Un mes máis tarde


Dicir que vou a mil sería repetirme. Estiven unha semana e pico de vacacións, durante as cales fun a Huesca co grupo e... andei liado, en xeral. Por sorte, houbo algo de praia e a gratificante sensación de poder atreverme a xogar ao futbol, aínda que a planta dos pés sufrise a falta de costume. Cando menos, o tema dos tendóns semella empezar a estar baixo control (pero non vale relaxarse...).

Hoxe tiven ensaio de pande coas peques, preparando un festival que imos celebrar o domingo 30, Festival no Eirado, onde tocarán dúas ou tres pezas. Agora escaparei un chisco á praia, antes do superconcerto da noite, en Vilariño, cos Carunchos, Berrogüetto, Quempallou e Ruxe Ruxe.

Onte fun ao meu primeiro ensaio para participar na tradicional Danza de Darbo (Cangas), que se baila o 8 de setembro. Por alá andan Sandro, Meche, Xian... O máis complicado vai ser agantar os brazos, pois é unha peza lenta e longa...

Tamén fun a ver o espectáculo pirotécnico das Festas de Loira, moi chulos, onde tamén toquei á mañá. Pasou Ermelo, festas atrnais de Beluso, andei con Lore por Portonovo, concerto de Vestusta Morla en Pontevedra, foliada na banda do Río, na Batea; de recollida de filharmónica con Guillerme... Moitas cousas pasaron e non as fun contando.

Moito ensaio, moita necesidade de ensaio e pouco tempo para executalo... Moita ansia de algo de tempo libre e, por outra banda, xa rallándome aos poucos cos preparativos do curso que vén...

jueves, 16 de julio de 2009

Na presentación da revista dos Galos


Un par de días antes do festival participei con Ana Gil na presentación en sociedade da revista Os Galos, da Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais de Bueu, na que colaborei cun artigo sobre "as artes" ou máis exactamente "as artes xávegas".

Isto comentou o Faro sobre o tema:

Los autores asistentes ayer a la presentación hablaron de sus relatos. Uno de ellos, Rubén Bastón explicó que el arte Xávega es un arte de pesca con redes que comenzó como algo anecdótico y pasó a ser el modo de introducción a la pesca de los marineros de la zona antes de dar el salto al Gran Sol. Este arte tuvo un final abrupto cuando se tomó la decisión de que no se podía seguir pescando de esa manera.
Realmente é unha simplificación bastante extrema do que dixen (xa sabedes que locuacidade non me falta, XDD). Na defensa da xornalista que acudiu á rolda de prensa, confesarei que non puiden quedar ata o final, por temas de Retrouso, e, en consecuencia, non lle dei oportunidade de preguntarme se tiña dúbidas.

En todo caso, a efectos aclaratorios direi que en absoluto dixen que a arte xávega fose algo anecdótico; todo o contrario. O que empezou sendo algo anecdótico foi a miña investigación sobre o tema.

E o final abrupto da arte, que na noticia queda tan enigmático, debeuse a que a Administración estatal decidiu que interesaba máis dedicar os lugares onde se tiraban os aparellos da arte á cría do mexillón. Así que, dun día para outro, prohibiuna e hoxe os bancos están cheos de bateas...

martes, 14 de julio de 2009

Xa foi o festival

Coma sempre escribo sen tempo. Ás veces non é tanto a vagancia de non escribir como a presión de xuntar todo o que quero dicir nun espazo de tempo tan reducido...

Alá foi o VIII Festival Retrouso. Sen ánimo de soar fachendoso, creo que o mellor de cantos levamos (velaí están os Comentarios, se queredes opinar...). Un festival con arume a maduro, sen malos rollos. Con estrés, por suposto, pero cun equipo de xente estupenda traballando unida e bastante organizada. Fermoso sentir como compañeiros que por unhas cousas ou por outras xa non están integrados no grupo de baile ou de gaita, traballaron arreo coma os que máis. E boa falta que fixeron.

Sempre nestas frases de agradecemento dá algo de arrepío pensar que alguén poida sentirse "deixado atrás". Presentei eu e, sen ir máis lonxe, o apartado de agradecementos quedou esquencido na aboráxine do sorteo da rifa mentres Mari andaba abafada, Debo a tres mil e máis de cincocentas parellas de ollos estaban expectantes sobre a miña bolsa azul e a man inocente que me acompañaba.

O que dicía, eu, coma sempre, andei moito ao meu rollo, cos grupos de aquí para acolá, co técnico de son, coa presentación... Ao fin e ao cabo, é para o que sirvo. No outro síntome bastante inútil e por sorte, Debo e Lore, a pesar de todo o que tiñan enriba, actuaron coma xigantes.

Pero quero dicir que quedei abraiado e moi orgulloso de ver o ben que quedou a comida do sábado ao mediodía, da presteza na limpeza dos locais onde durmiron os grupos, na organización do pincho tras o festival, o coidado do bar, a maqueta a escala da igrexa...

Postos a poñernos un chisco melancólicos, botei en falta a meu avó, quen, asi e todo, pouca importancia lle había dar, aínda que no fondo, moi no fondo, sempre sentise nel un esbozo de orgullo cando me miraba vestido de gaiteiro ou a ensaiar. E quedei inmensamente contento ao ver tan sorrinte coma sempre ao avó de Débora, o que algún día terá que ser socio de honra, polo menos.

A xente de Huesca e Segovia foron estupendos (cafés bombón á parte, jejeje), e cos de Vila Praia de Âncora, de volta, non tiven moita oportunidade de trato. A foliada foi fermosa. Algo estresante no seu sempre titubeante comezo, pero agradabilísima cando empezou a fluír con naturalidade, dulzainas e jotas incluídas.

Hai cousas que mellorar, sempre. Pero moitas gracias a todos os que puxestes aínda que fose un gran de area, aínda que fose un baile na foliada, un sorrido na chegada, neste voso festival.

domingo, 5 de julio de 2009

VIII Festival Retrouso

Este sábado, 11 de xullo, ás 21h, vaise celebrar o VIII Festival Retrouso, organizado pola Asociación Cultural Retrouso, no Eirado de Cela, en Bueu (O Morrazo).

No Festival, centrado no baile tradicional, actuarán o Etnográfico de Vila Praia de Âncora (Portugal), o grupo da Asociación Cultural Folklórica Andrés Laguna (Segovia) e a Rondalla de San Vicente de Esplús (Huesca), ademais do grupo anfitrión.

A partir das 22.30h, ao finalizar estas actuacións, abrirase o escenario á Foliada, para que toquen e bailen todos aqueles aos que lles apeteza pasalo ben.

Haberá carpa e a entrada, por suposto, será de balde.

viernes, 12 de junio de 2009

Berberecho

Todos temos un pasado, meus friends. Berto Yáñez avisoume hai unhas semanas de que penduraron de Flocos.tv a curta Berberecho, que gravamos en primeiro de Xornalismo, no 2001.

Qué recordos...

jueves, 4 de junio de 2009

Últimos dez días

Ao final a semana última de maio si que me tocou ir a Barcelona, un día duro de reunións que rematou nun ensaio de baile en Vigo. Nunca pensei que o avión podía aparvar tanto o sentido do equilibrio. Tremendo...

O mércores foi o último ensaio de pande con Guille do curso, pois este ponse a fondo coas oposicións (sorte!!). Sacamos algunhas fotos simpáticas e tal. O xoves tamén pechamos curso de percusión con Alberto (Grazas a iso estou este xoves renovando, jejeje).

O venres tiven cea coas miñas alumnas de pande de Beluso (e tamén alumnas de baile alá no Progreso). Moita festiña e bo ambiente. Así que, ao saír de alí ás 3 e ter que espertar ás 9... pasei de ir á foliada do Salasón.

Ao día seguinte, ensaios mil e actuación na Salgueira, en Vigo, cunha calor tremenda.

Domingo, a Vila Praia de Áncora con Retrouso e despois ata Matozinhos cos de Valadares. Ademais da calor abafante, ao volver estropeouse o aire acondicionado, :'(, e case morremos. Pero non estivo mal.

Agora, preparando esta fin de semana, que vai ser de cea festeira cos do traballo, sábado de volta a Portugal, preto de Oporto e domingo a tocar no Corpus de Cela...

A ver se atopo un oco para ir poñendo chulo isto, que me dá nonseiqué miralo así...

lunes, 1 de junio de 2009

Lingua (I)

Sobre ferramentas de ir ao monte:

Sinónimo de fouciño: lampo.
Podón do monte: é un fouciño grande.
Poda: é un fouciño máis pequeno, todo de ferro, sen mango de madeira, con folla máis ancha para cortar ramas.

Tripeza: os carballos pequenos que nacen dun ano para outro e que se cortan cando se limpa o monte.
Chaspodar: cortar as ramas das árbores, normalmente cando estes xa están cortados.

Comareiro: os muros entre tonadas; lindes.