miércoles, 18 de diciembre de 2013

A miña opinión sobre o "Caso Vai de gaita" do Luar


Por casualidades do destino, o venres pasado , 13 de novembro de 2013, estaba no Luar, a saltos entre as bambalinas, onde acompañaba ao grupo de pandeireteiras deRetrouso que actuou xusto despois do Caso Vai de gaita, e o público. Entrei a sentar xusto cando empezaban as valoracións a Denís, mira ti que casualidade.

Vin que o asunto foi polémico, pero non esperaba que tanto. Miña nai! Lin post moi sesudos, debates sobre educación, sobre qué é a tradición, sobre respecto. E o que me sorprendeu máis: o debate estaba na rúa. Nos dous días seguintes, alá onde fun saíu na conversa como algo impactante.

Non tiven moito tempo, pero visto o linchamento que vin por algún lado do xurado, quedei con ganas de amosar a miña opinión. Alá vai.

1. Isto é un espectáculo
Se o do Vai de gaita pasase na Fox, ou mesmo en Telecinco, tería pensado que a polémica estaba pensada desde os think-tanks do programa. Sendo algo tan cotián como o Luar, teño as miñas dúbidas, pero ollo, mirade:

Nun concurso amateur, pero onde se ven cousas de bastante bo nivel (o pouco que vin algún domingo zapeando, todo hai que dicilo, non son gran seguidor, nin do programa nin do concurso), de sócato xuntan a competir a un gaiteiro que tocaba perceptiblemente mal con outro que reúne todas as trazas para darlle unha paliza en técnica, pero que vai cunha gaita marcial ao estilo ourensán, estilo Foxo, ou como queirades chamarlle. Ao participante de gaita marcial danlle caña por provocar levando unha gaita non tradicional, pásanse, xenera o captatio benevolentiae do público cara ao máis feble e o Cristian/Risto enfádase ou faise o enfadado e marcha desairado.

Et voilà, teñen a todo o mundo falando do tema varios días, moitos véndoo pola web, por Youtube, parodias de Seivane, e seguramente a moita xente atenta para ver qué pasa o venres seguinte no programa. Audiencia. Show.

Se non estaba preparado… Ao programa saíulle redondo.

2. Sorpresa: hai personaxes
Porque non sexamos inocentes. É moi fácil de identificar que Cristian fai o rol de poli malo, de polemista, de Risto, para entendérmonos.

E hai que ser moi reducionista para criticar ao Cristian profesor de gaita (non o coñezo de nada, eh, eu dese xurado, só sabía de Seivane), por cómo actúa o Cristian xurado. Salvando distancias, sería como criticarme a min como profesional de comunicación online por cómo bailo ou toco a gaita; ou ao revés. No programa está facendo un papel. Pode gustar máis ou menos, pero non procede dicir cousas do estilo “menudo profesor será”, pois digo eu que cando sae do Luar actuará de forma diferente. Ou non, igual me trabuco…

3. O asunto do “pobre rapaz vapuleado”
Cando alguén se presenta a un concurso sabe ao que xoga. Ten que saber que hai un xurado, coñecer ese xurado, saber cómo son as valoracións e saber que estará exposto. Oh, sorpresa: van criticalo na TV en prime time?! Será se cadra porque está participando nun concurso de tele en prime time (ejem, iso de prime time, que eran case as doce da noite) no que hai valoracións públicas tras cada peza.

Igual isto non o sabe todo o mundo, pero… non podemos poñernos no caso do “pobre inocente que vai por primeira vez á tele e marcha chorando desconsolado”. Denís, polo que sei (tampouco investiguei demasiado, teño vida propia, hehe), xa actuara nun Luar anterior no que, anda, qué sorpresa, levou unha gaita galega “normal”, e onde lle deran caña igual, naquel caso por copiar demasiado a técnica doutro gaiteiro na dixitación e na ornamentación.

E vai á segunda vez, a que pode ser a súa última, na que se cadra sabe que compite contra outro que toca moi pouquiño, ou se cadra porque pensa desmontar un pouco o local, e preséntase a tocar o Valse do Vellos cunha gaita marcial e tambor tamén dos de lata.

Claro, igual non sabe que o xurado o vai criticar, meu pobre.

4. O xurado pasouse?
Moitos din entender as críticas do xurado pero non as súas formas. Nese caso, volvan ao punto 1, de que isto é un espectáculo. Hai tres xurados e tres formas, mira ti que casualidade:

Lorena Freijeiro
Nin arre nin xo, pero a lo tonto… pregúntalle se a gaita é del, como insinuando:

  • Opción A: que lla regala a banda de gaitas (insinuación semi agochada sobre as subvencións moi criticadas a un modelo de ensinanza que impulsaba como propios instrumentos que eran ocorrencias dun señor)
  • Opción B: que lla deixaron directamente para desmontar o local no programa

Susana Seivane
Dálle un rapapolvos modo discurso. Moitos sorpréndense porque o tiña escrito e din como se houbese unha conspiración xudeomasónica. Un pouco de sentido común. Nun programa coma Luar, todos os que van participar pola noite en directo están como desde as 5 da tarde no estudio, pasando probas de luz, son, cámara. Os do Vai de gaita, o mesmo. O Denís tivo que pasar polo escenario coa súa gaita e os do xurado velo. Susana Seivane tivo tempo de sobra de escribilo nas horas mortas entre as probas e o directo.

Significa isto que tiña que terllo dito nas probas? Que tiña que ter chamado á policía? Ou terse queixado ao programa? Por que? Ela é xurado e o seu papel é analizar o que ve no programa.

Está menos cualificada por ser filla e neta de quen é? Primeiro, ela non é artesá, é gaiteira. Non é xusto trasladarlle a ela os “supostos” pecados de pai ou avó á hora de evolucionar a gaita ou o que fixesen. Segundo, comparar o que fixo a familia Seivane coa gaita, co que fixo Foxo… é cando menos discutible. Seivane mellorou tecnicamente un instrumento preexistente. Mellorou a feitura, definiu un timbre, e despois cambiou material de fol, pallóns… si. Iso é evolución, porque a tradición (se a estas alturas se pode manter ese termo) tamén evolúe. 

O da gaita marcial é outro tema: é coller unha gaita de fóra (Escocia, por se algúen está perdido), agarrarse a que aparece unha figura dunha gaita escocesa nunha igrexa en sabediosonde, e dicir, contra todo criterio empírico dos últimos 300 anos (por dicir unha cifra), que esa gaita con tres roncos verticais, é galega; adaptar a afinación á música galega e tirar para adiante co seu invento, tratando (con certo éxito, polo que se ve) de colarllelo a algúns incautos como “historicamente galego”.

Os Seivane melloraron un instrumento (xunto moitos outros artesáns, eu son máis da cultura de timbre de gaita de Corral-Gil, moito máis habitual nas Rías Baixas); Foxo inventou outro.

Por iso, aplaudín o discurso de Seivane.

[Actualización 19/12: Susana Seivane publicou unha interesante aclaración na súa páxina do Facebook]

Cristian
Pasouse co do papel hixiénico? Si. É o seu rol. Ser excéntrico, excesivo.  Quen critique que faga iso non debería criticar o Cristian gaiteiro, senón a televisión espectáculo ou tele lixo ou como queira chamarlle; pero que non o converta en “qué malvados son os gaiteiros tradicionais”, “qué radicais”.

Fixo mal en marchar? Unha vez máis: fixo o que correspondía ao seu papel. Conste que entendín perfectamente que marchase. O que non se vía en cámara era que, cando lle pediu ao Denís que falase, e falou, o rexedor do programa ía enervando ao público en positivo para apoiar ao feble do rapaz, mentres non reaccionaba en absoluto cada vez que falaba el. 

Denis: “É unha gaita históricamente galega”
Aplausos
Cristian: “Escribe un libro explicándoo e falamos”
Silencio
Denís: “É unha gaita como outra calquera"
Aplausos

Cristian marchou criticando que o público (incitado polo programa) estivese apoiando a “ignorancia” do rapaz e esa visión burda de que a gaita marcial é unha gaita galega.

5. Por que non me da pena Denis?
En directo, a súa actitude víase bastante confiada e prepotente. Houbo un momento clave. Cando dixo aquilo de “é unha gaita historicamente galega”. “Historicamente”. Alguén superado polas circunstancias, a punto de chorar como todo o mundo pensa que estaba, o pobre, non tería dito iso. Diría que é unha gaita tradicional ou galega a secas. Que metese o detalle de “historicamente” faime pensar que tiña máis que claro o que quería dicir. Sabía a que ía. E se o sabía, discutamos sobre gaitas, sobre termos, pero deixemos á parte o rollo ese de “pobre neno, como se pasaron con el”.

Historicamnete galega que é? Que é galega porque se fixo en Galicia? Que é galega porque leva 30 anos tocándose en Galicia?

É como dicir que que os coches de Citröen son historicamente galegos, porque se fan en Vigo. Non é o mesmo facerse nun sitio que ser tradicional dun sitio. Que algo se use nos últimos anos nun sito non o converte en tradicional dese sitio. O piano tocase desde hai moitos anos en Galicia, pero iso non o converte en instrumento tradicional galego.

6. O choio das bases
Outra cousa que se dixo moito é o das bases do concurso. Non as lin, nin coñezo nin atopei. Hai a quen di que as bases inclúen o de que a gaita debe ser tradicional. Nin idea. Para min, é irrelevante. En caso de que as bases non definan o tipo de gaita, sinxelamente, é decisión e interpretación do xurado valoralo. Para algo é o xurado.

[Actualización 19/12: Susana Seivane confirmou na nota do seu Facebook que as bases determinan que debe ser "gaita galega"]

Despois pódese discutir máis ou menos, pero o xurado decide. Por iso non me ten sentido aludir ás bases para nada.

Se as bases non poñen nada de tipo de gaita, xa pode gañar calquera con calquera tipo de gaita? Si, podería, se o xurado o vota. Vaino votar? Pois probablemente non, pois algún dos criterios que usan é a adaptación do xeito de tocar a cómo se tocaba nos sitios de onde son as pezas, ou como tocaban os autores orixinais… Valorar iso e ter que facelo con alguén tocando unha gaita midi, unha cornamusa, unha gaita tunecina ou unha gaita marcial… é normal que perda puntos. E quen o toca, sábeo.

7. Enton, qué é tradicional?
Alégrome de que me fagas esa pregunta. A cultura tradicional é a cultura que se transmite de forma oral, de pais a fillos, nas culturas previas aos medios de comunicación de masas, e sociedades industrializadas que aceleraron a educación regrada e o cruzamento de culturas e músicas a través de radios e despois televisións.

Segundo isto, baixo a miña opinión (estou moi tolo), a música tradicional está morta, claro que está morta. Por iso se fala de música folclórica (ah, claro, é que ese termo non mola nada, non é cool), ou música folk. O que se fai hoxe en día, igual que o que facía Perfecto Feijoo a comezos do XX, é reinterpretar, poñer en valor e adaptar o que sabemos da cultura tradicional. Iso que sabemos, faise adaptando aos tempos e ás necesidades. Hai formatos máis próximos (gaiteiro solista e tamborileiro) e outros máis afastados (banda de gaitas).

E tamén hai inventos. Os inventos están ben. Hainos tamén máis próximos á cultura tradicional (pallón de plástico) e hainos máis afastados (gaita de tres roncos verticais). Todo está ben, sempre que se saiba qué é cada cousa. A gaita marcial, baixo o meu punto de vista, supón un exemplo de autoodio brutal, no que se considera o instrumento tradicional galego “inferior” ao escocés, e se busca imitar un modelo alleo antes que evolucionar o propio.  

Tería sido un invento máis, unha anécdota como o gaiteiro que lle puxo chaves ao punteiro, ou o artesán que lle pon un buraco máis por detrás don punteiro, se non fose porque foi subvencionado durante décadas e afogou en moitos casos a moitas asociaciónns que trataban de traballar con gaitas “normais” (non inventadas) porque as bandas de gaitas da órbita da Deputación de Ourense regalábanlles as gaitas aos alumnos, tiñan actuacións internacionais, clases de balde ou case… De xeito que se vitaminou con cartos públicos ese invento de alienación da evolución da gaita, subxgada á sensación de que tocar como os escoceses mola, e como os galegos de sempre… non tanto.

Por todo isto, velaquí queda o meu apoio ao xurado do Vai de Gaita do Luar e quedo aberto á conversa. Pero con R-E-S-P-E-C-T, eh! ;)