domingo, 20 de mayo de 2012

Pregón das Letras Galegas en Sanamedio 2012

Para o 17 de maio, a Asociación de Veciños O Progreso de Beluso convidoume a ser o pregoeiro da romaría que fan cada ano polas Letras Galegas. Toda unha honra!

Pégovos aquí o borrador do pregón que despois "máis ou menos" dixen aquel día, dedicado a Valentín Paz Andrade:


Quero empezar este mini pregón dicindo que creo sinceramente non merecer en absoluto estar aquí arriba. Síntome moi agradecido polo convite e sobre todo moi responsabilizado. A romaría de Sanamedio leva 15 anos de historia e eu debín estar por aquí, pero aí embaixo, en 12 ou así. Está marcado no calendario como desas citas anuais “de sempre”, e polo pregón pasa habitualmente xnete de letras, que escribe, que publica…
Eu, para os que non me coñecedes, veño do mundo de Internet. Estudei Xornalismo, pero as palabras que escribo non gastan tinta nin papel. Navego nun mundo de inmediatez e de estrema facilidade para publicar. Pero farase o que se poida...
O día de hoxe, ademais dun día estupendo para comer de campo, homenaxéase a Valentín Paz Andrade, un home, para que negalo, pouco coñecido, pouco brillante. Non é unha Rosalía de Castro, que ten ata cancions; nin un Castelao, que tiña debuxos. Nin un Martín Codax, que polo menos sona polo viño...

Paz Andrade se houbese que definilo con tres palabras, serían, para min: galeguismo, xornalismo e mar.

GaleguismoNaceu a finais do XIX en Pontevedra, de familia acomodada. Un tío poeta meteulle o aquel polas letras e ademais, con 18 anos presentoulle a Castelao. Estudou Dereito en Compostela e foi activista galeguista desde os puros comezos das asembleas nacionalistas e de todo o que se cocía naquel momento na capital, moi ao estilo 15M… e aí temos o cerne do Galeguismo.

XornalismoO xornalismo vén como consecuencia. Empezou a colaborar en xornais. Ata que montou un: o xornal Galicia, unha absoluta referencia na historia do Xornalismo galego, que existiu do 22 ao 26, ata que o pechou Primo de Rivera. Digamos que Paz Andrade estaba en afeito a ir á cadea.
Durante a II República combinou as facetas galeguista e xornalística, moi ao estilo do noso símbolo histórico, Johan Carballeira. Participou, como hito destacable, na redacción do anteproxecto do estatuto galego.
Cando chegou a Guerra Civil, como era abogado, e ben reputado, axudou a fuxir a varios galeguistas. Mesmo intercedeu, sen éxito, para evitar a morte de Alexandre Bóveda. Fórono mandando a pequenos desterros: a Verín, a Estremadura…
Cando todo pasou, nos anos 40, volveu a Vigo e sigueu axitando as mentes con artigos e tertulias. Pero empezou a brillar o seu terceiro componente: o mar.

MarRealmente era un tema que dominaba desde os anos 20, onde tamén fundara a revista Industrias Pesqueras. Recuperou a dirección nos anos 40 e no tema da pesca converteuse nun ensaísta, avogado e experto de sona internacional. Foi colaborador coa ONU para combater a fame no mundo. E a el acudiron os fundadores de Pescanova para orientar o proxecto e converter a marca nunha empresa líder do sector.
Foi un triángulo equilibrado. Nunca abandonou ningunha das súas tres paixóns: mar, xornalismo e galeguismo.
Libros? Si, ten algún de poesía. Foi relevante “Sementeira do vento” do 1968. Pero sobre todo escribía artigos e ensaios, moito sobre Castelao, Galicia e pesca.
En conclusión, a quen homenaxeamos hoxe? Á empanada e ó pulpo?? Si!! e tamén a un veciño de Lérez que nunca perdeu o norte do amor polo seu e nunca deixou de traballar para, dun xeito ou doutro, facer evolucionar a Galicia para un futuro mellor.