sábado, 7 de mayo de 2011

Trepia, experiencia de infinitum



Cheghei tarde, uns dez minutos. Fun case a correr desde o barco. Todo un símbolo nesta xeira de desconexión folkie que me toca vivir, qué demos, que escollín, máis que me pese ás veces.

Cheghei e soaba Sabarigho, xota de, unha das poucas contribucións a este mundiño na que estiven implicado, froito daquela ben lembrada recolleita a Consuelo de Pardiñas. Ando reflexivo. E, tamén é certo, o espectáculo de Trepia fíxome pensar. Xa se sabe, vai por épocas, :).

Nesa peza, os homes beillaban con saia e aderezos femininos. As mulleres coa que viría sendo a roupa interior do traxe tradi, cun corsé no tren superior e un broche moi chulo no peito. E moi ghuapas e peiteadas. Despois, os homes pasaron a un modelo de pantalón, con zapatillas rasas e moi cómodas. As mulleres descalzas. (Se sodes amigos de Projecto Trepia no Facebook, teñen máis fotos)

O proxecto De infinutum deu un salto ben identificable no vestiario. Noraboa. Tamén no volume de persoas implicadas. Cayetano acompañando coa zanfona a Xandre (por certo, como mellorou Xandre na zanfona), Miguel coas percusións miúdas, Xito coa percusión. Espectacular o aporte de Xito, con ampla riqueza de sons sacados de instrumentos habituais como bombo ou latón. Está chegando a unha xenial madurez creativa nese aspecto e a súa participación encantoume.

Medrou en músicos, co éxito completo de lograr ser máis sen faltarlle ao espírito do proxecto que, ao meu entender, e espero non ofender, ten moito de persoal de Xandre. É como a súa cosmovisión, a xandrevisión. Está claro que é un proxecto colaborativo no que todos ou case han dar ideas, pero, cando menos eu, vexo moito da súa creatividade.

Fíxome lembrar os momentos compartidos e o aquel de "eu podería ter estado aí". Aquel tempo no que Álex se converteu en Xandre, e eu, en Retrouso. No que eu me mantiven nunha vida formal, acabar carreira e buscar o mundo laboral "estándar", apostar por aportar o meu gran de area na formación no eido cultural e moi local, con Retrouso. Mentres el rompía coa carreira e seguía a liña da arte, a súa vida de estremos, a súa aposta pola creación.

Durante o espectáculo, sentía o arrastre daquel primeiro concerto de Mercedes Peón na Radio Galega e o histrionismo funkie de Isué, a cosmovisión da Terra de Montes, de Cerdediño prós amores, o son do Tear, o paso polo Fiadeiro, e o encontro co Mac, a zanfona e a videocreación.

Se hai algo que distingue a Trepia non é a innovación no baile, nin tan sequera o uso dos efectos co ordenador. Está na importancia do vídeo. Trepia é baile, música e vídeo. Esas son as tres patas da trepia. O vídeo non acompaña, o vídeo transmite tanto e ás veces máis que o resto. O vídeo posiciona no subconsciente o sentir da zanfona, a intención das melodías. Qué crack, o creador dos vídeos. A ese había que atalo, para obrigalo a saudar ao final, pois sen él, a trepia caería ao chan. Sería outra cousa.

Un espectáculo que paga realmente a pena.

Como curiosidades:

Sei que é duro, espero que non moleste, pero creo que quedaría mellor se Pedro cortase o pelo para esta posta en escena. Non casa o pelo tan longo, tapándolle os ollos. Contrasta moito fronte á coidadísima imaxe do peiteado das mulleres, á "pureza", ao estilizado, ao neutro dos cortes de pelo de Xandre e Meche. É desas cousas que en teatro ás veces hai que afrontar. Lembro que eu en 4º de carreira deixei pelo longo e perilla para facer de duende nunha obra de teatro. E así quedei na foto da orla da carreira. Pero é o que toca. Esixencias do guión ;).

Gustoume o detalle do xogo co vídeo que saca punto e un beillador sae e beilla co vídeo. Pareceume cara aposta por entender que o vídeo é un compoñente máis.

E a vós, se hai alguén do outro lado, qué vos pareceu?

PD: Miña nai, máis dun ano sen escribir neste blog. Estaba traumatisado co do meu cochiño... Non, é que ando centrado no profesional, :(.