jueves, 16 de julio de 2009

Na presentación da revista dos Galos


Un par de días antes do festival participei con Ana Gil na presentación en sociedade da revista Os Galos, da Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais de Bueu, na que colaborei cun artigo sobre "as artes" ou máis exactamente "as artes xávegas".

Isto comentou o Faro sobre o tema:

Los autores asistentes ayer a la presentación hablaron de sus relatos. Uno de ellos, Rubén Bastón explicó que el arte Xávega es un arte de pesca con redes que comenzó como algo anecdótico y pasó a ser el modo de introducción a la pesca de los marineros de la zona antes de dar el salto al Gran Sol. Este arte tuvo un final abrupto cuando se tomó la decisión de que no se podía seguir pescando de esa manera.
Realmente é unha simplificación bastante extrema do que dixen (xa sabedes que locuacidade non me falta, XDD). Na defensa da xornalista que acudiu á rolda de prensa, confesarei que non puiden quedar ata o final, por temas de Retrouso, e, en consecuencia, non lle dei oportunidade de preguntarme se tiña dúbidas.

En todo caso, a efectos aclaratorios direi que en absoluto dixen que a arte xávega fose algo anecdótico; todo o contrario. O que empezou sendo algo anecdótico foi a miña investigación sobre o tema.

E o final abrupto da arte, que na noticia queda tan enigmático, debeuse a que a Administración estatal decidiu que interesaba máis dedicar os lugares onde se tiraban os aparellos da arte á cría do mexillón. Así que, dun día para outro, prohibiuna e hoxe os bancos están cheos de bateas...

martes, 14 de julio de 2009

Xa foi o festival

Coma sempre escribo sen tempo. Ás veces non é tanto a vagancia de non escribir como a presión de xuntar todo o que quero dicir nun espazo de tempo tan reducido...

Alá foi o VIII Festival Retrouso. Sen ánimo de soar fachendoso, creo que o mellor de cantos levamos (velaí están os Comentarios, se queredes opinar...). Un festival con arume a maduro, sen malos rollos. Con estrés, por suposto, pero cun equipo de xente estupenda traballando unida e bastante organizada. Fermoso sentir como compañeiros que por unhas cousas ou por outras xa non están integrados no grupo de baile ou de gaita, traballaron arreo coma os que máis. E boa falta que fixeron.

Sempre nestas frases de agradecemento dá algo de arrepío pensar que alguén poida sentirse "deixado atrás". Presentei eu e, sen ir máis lonxe, o apartado de agradecementos quedou esquencido na aboráxine do sorteo da rifa mentres Mari andaba abafada, Debo a tres mil e máis de cincocentas parellas de ollos estaban expectantes sobre a miña bolsa azul e a man inocente que me acompañaba.

O que dicía, eu, coma sempre, andei moito ao meu rollo, cos grupos de aquí para acolá, co técnico de son, coa presentación... Ao fin e ao cabo, é para o que sirvo. No outro síntome bastante inútil e por sorte, Debo e Lore, a pesar de todo o que tiñan enriba, actuaron coma xigantes.

Pero quero dicir que quedei abraiado e moi orgulloso de ver o ben que quedou a comida do sábado ao mediodía, da presteza na limpeza dos locais onde durmiron os grupos, na organización do pincho tras o festival, o coidado do bar, a maqueta a escala da igrexa...

Postos a poñernos un chisco melancólicos, botei en falta a meu avó, quen, asi e todo, pouca importancia lle había dar, aínda que no fondo, moi no fondo, sempre sentise nel un esbozo de orgullo cando me miraba vestido de gaiteiro ou a ensaiar. E quedei inmensamente contento ao ver tan sorrinte coma sempre ao avó de Débora, o que algún día terá que ser socio de honra, polo menos.

A xente de Huesca e Segovia foron estupendos (cafés bombón á parte, jejeje), e cos de Vila Praia de Âncora, de volta, non tiven moita oportunidade de trato. A foliada foi fermosa. Algo estresante no seu sempre titubeante comezo, pero agradabilísima cando empezou a fluír con naturalidade, dulzainas e jotas incluídas.

Hai cousas que mellorar, sempre. Pero moitas gracias a todos os que puxestes aínda que fose un gran de area, aínda que fose un baile na foliada, un sorrido na chegada, neste voso festival.

domingo, 5 de julio de 2009

VIII Festival Retrouso

Este sábado, 11 de xullo, ás 21h, vaise celebrar o VIII Festival Retrouso, organizado pola Asociación Cultural Retrouso, no Eirado de Cela, en Bueu (O Morrazo).

No Festival, centrado no baile tradicional, actuarán o Etnográfico de Vila Praia de Âncora (Portugal), o grupo da Asociación Cultural Folklórica Andrés Laguna (Segovia) e a Rondalla de San Vicente de Esplús (Huesca), ademais do grupo anfitrión.

A partir das 22.30h, ao finalizar estas actuacións, abrirase o escenario á Foliada, para que toquen e bailen todos aqueles aos que lles apeteza pasalo ben.

Haberá carpa e a entrada, por suposto, será de balde.